Silleda, referente en eficiencia enerxética ca posta en marcha da pioneira Rede de Calor con Biomasa

Silleda, 26 de outubro de 2018.  A gran aposta do Concello de Silleda pola eficiencia enerxética é xa unha realidade. Hoxe inaugouse a Rede de Calor con Biomasa, a primeira en Galicia de promoción público privada que na súa primeira fase está xa abastecer a varios edificios municipais (pavillón deportivo, piscinas, campo de Outeiriño e Escola Infantil), ao Hotel Via Argentum e co que se conectará tamén a Residencia e Centro de Día de Maiores que está a piques de rematarse.

O alcalde, Manuel Cuiña, e o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, presidiron hoxe a estrea de proxecto de futuro, cunha inversión total de algo máis de 1 millón de euros. Así, aos 816.587,67 euros da instalación, financiada nun 80% polo INEGA e o 20% restante polas arcas municipais, a través do Plan Concellos da Deputación, súmase a compra da parcela na que se instalou a central de producción, con 138.336,75 euros aportados polo organismo provincial a través do mesmo programa.

 

A rede, de biomasa con astilla, subministrará calefacción e/ou auga quente sanitaria aos edificios antes citado, e prevese que nunha segunda fase incorpore novos edificios municipais, como o actual consistorio e a casa da Cultura, así como as comunidades de propietarios que desexen conectarse.

Manuel Cuiña indicou que a obra supón o primeiro paso dunha instalación que non só redundará nun maior aforro económico para as arcas municipais senon que suporá un maior reducción de emisións contaminantes.

Así mesmo recalcou que a rede permitirá contar nun futuro con instalacións como unha piscina climatizada, que se prevé construir na parcela da central, “algo que sería impensable para un municipio como Silleda polo custe enerxético se non contaramos con esta central de calor”, engadiu.

Cuiña, que agradeceu a colaboración tanto da Consellería de Industria-a través do INEGA-como da Deputación de Pontevedra, advertiu que esta actuación será máis ambiciosa e que ademais de extender a rede nunha segunda fase tamén se prevé contar cunha planta para o secado e astillado de madeira para abastecer a instalación e facela autosuficiente.

Extensión da rede e aproveitamento dos montes locais

“Somos mais ambiciosos e queremos pechar o ciclo. Para que esta esta gran inversión teña unha segunda parte, contando cos montes de Silleda e a comarca do Deza, cunha gran superficie forestal”, indicou Cuiña advertindo que esto redundaría nunha valorización dos montes  “facendo tamén que estén máis coidados e axudando a evitar ao mesmo tempo desgracias como a que vivimos hai agora un ano cos incendios que arrasaron 600 hectáreas de monte en Silleda”, engadiu solicitando a colabroación da Administración autonómica para esta nova fase.  

“Revalorizariamos os montes, teríamos unha rede autosuficiente e se cabe enerxía máis barata con valor engadido para os nosos montes, co que significa telos máis coidados e limpos, e axudando máis ao medio ambiente”, rematou.

Pola súa banda o conselleiro parabenizou a iniciativa do Concello de Silleda e do alcalde, como principal promotor desta actuación pioneira, a terceira Rede de Calor co sistema “District Heating”  en funcionamento  en Galicia.

Enerxía autóctona

Conde sinalou que a iniciativa forma parte da estratexia que a Xunta iniciou en 2014 para impulsar a biomasa “como enerxia autóctona,  eficiente e que sobre todo xera  un impacto positivo no medio ambiente”.

Tamén agradeceu ao alcalde a súa colaboración institucional, “clave nestes momentos para executar proxectos diferenciadores” e sinalou que a rede de Silleda ademais de supoñer un aforro e a prestación dun servizo á cidadanía implicará tamén o “desenvolvemento dunha enerxia autóctona vinculada co territorio e que polo tanto vai a permitir establecer un circulo de xeración de valor na comarca co uso de biomasa como fonte enerxética”.

O conselleiro tamén destacou a visión de futuro do Concello de Silleda con este “proxecto exemplarizante dende o punto de vista da Administración Pública”, ademais de destacar o potencial de Galicia no sector forestal, co abastecemento do 50% da madeira que se corta no territorio nacional, e lembrar que a Xunta está tamén a construir unha planta de procesado de astilla en Curtis.

As obras da rede silledense iniciáronse a finais do pasado mes de xullo. A instalación terá unha potencia de 1 megawatio e na primeira fase colocáronse case 2 kilómetros de tubería preasilada.

 Con esta iniciativa deixaran de expulsarse ao medio nesta primeira fase 342 toneladas de CO2 ao ano, e 380 toneladas na segunda fase. O aforro económico estimado é de 81.000 euros ao ano respecto ao consumo actual, e de 93.000 euros cando esté lista a segunda fase.

 

O prazo para xustificar as subvencións municipais a entidades culturais, deportivas e veciñais remata o 15 de novembro

Silleda, 28 de setembro de 2018.  As asociacións,  colectivos  e clubs que recibiron este ano subvencións municipais para desenvolver as súas actividades deben de xustificar estas axudas nas vindeiras semanas tendo como data límite o día 15 de novembro, tal e como se recolle nas Bases Reguladoras das axudas publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra.  

Para xustificar estas axudas, os colectivos deben de presentar as facturas correspondentes así como un documento anexo para a conta xustificativa, que está dispoñible tanto no Concello, como na web municipal e tamén nas propias bases, publicadas no citado BOP o día 13 de febreiro.

En total o Concello de Silleda repartiu neste exercicio 96.614 euros nas tres liñas de subvencións, para actividades culturais, deportivas e veciñais, beneficiándose un total de 46 entidades (18 asociacións culturais, 16 de carácter veciñal ou de participación social e 12 entidades deportivas).

 

 

 

RESOLUCIÓN: ACTA ENTREVISTAS PROCESO CONTRATACIÓN PERSONAL LABORAL TEMPORAL PARA SUBSTITUIR Á TRABALLADORA SOCIAL QUE ESTÁ DE BAIXA

RESOLUCIÓN ADMITIDOS-AS /EXCLUIDOS-AS CONTRATACIÓN TEMPORAL TRABALLADOR/A SOCIAL

A Concellería de Cultura programa novos cursos para o rural e pon en marca o programa Silleda Form@cción para a vila de Trasdeza

Silleda, 11 de setembro de 2018.  O Concello de Silleda vén de presentar a nova oferta de cursos da Concellería de Cultura para o rural e a vila de Silleda.

No tocante aos cursos do rural ofértanse un total de 23 cursos. Así no ámbito da actividade física figuran ciclos de hipopresivos, zumba, aerobic-baile, bailoterapia, ximnasia de mantemento, pilates e bailes de salón.

No ámbito da expresión artística ofértanse para as parroquias de Silleda un total de 11 modalidades. Trátase de cursos de calceta, manualidades, centros de mesa con material reciclado, pintura en tela, cesteiría, pintura con area; cociña, repostería, elaboración de xabróns naturais, pintura e arte floral con flor artificial.

Un ano máis a oferta inclue outros ciclos relacionados coa cultivo da horta e xardín. Así ofértanse cursos de poda e enxerto, horta ecolóxica, plantas aromáticas e medicinais, paisaxismo e xardinería e outros sobre alimentación saudable.

Todos eles precisan dun número mínimo de alumnos para poder celebrarse. A información foi xa remitida as asociacións veciñais –a través das que se canaliza a celebración destes cursos- e todas aquelas persoas que estén interesadas poden recibir máis información sobre o contido dos ciclos, prezo e outros, chamando ao Concello de Silleda (986 580000) ou remitindo un mail a cultura@silleda.gal.

“Cremos que se trata dun oferta que pode ser moi interesante para os veciños e veciñas do rural”, indica a concelleira de Cultura, Ana Luisa González,  reiterando ao igual que o pasado ano que o programa se pode modificar se xurden novas propostas para estes cursos subvencionados polo Concello.

Silleda Form@cción

Tendo en conta que na vila da Bandeira tamén se ofertan cursos a través do colectivo Vista Alegre, dende o Concello volta un ano máis o programa Silleda Form@cción, para a vila de Silleda. A oferta conta con 11 cursos en total. Así ademais dos cinco citados anteriormente sobre horta e saúde (enxerto, horta ecolóxica, plantas aromáticas e medicinais, paisaxismo e xardinería; e alimentación saudable) tamén se ofertan manualidades, calceta, cestería, arte floral, fotografía e o de elaboración de xabróns e cosmética natural. O formulario pode descargarse nesta web (premendo no titular desta nova). 

Tamén se precisa un número mínimo de alumnos/as para estes cursos. Os interesados tamén poden recibir máis información e inscribirse no Concello ou a través do enderezo electrónico info@sillega.gal.

 

 

 

Aberto o prazo para as axudas ao transporte universitario, que poderán solicitarse ata o 25 de setembro

A Xunta de Goberno Local de Silleda vén de aprobar a proposta da concelleira de Educación, Pili Peón, das bases que regulan a concesión de becas para o transporte, destinados a universitarios/as e estudantes de ciclos formativos  que cursen estudos oficiais en algún dos Campus e/ou institucións da Comunidade Autónoma.

O importe máximo da subvención por beneficiario/a será de 450 euros, para todo o curso 2018/2019.  Poderán optar a estas axudas persoas residentes e empadroadas no municipio de Silleda (alomenos un ano antes da publicación das bases), e que cursen os referidos estudos universitarios e ciclos formativos. Así mesmo, a renda per cápita familiar debe de ser igual ou inferior a 10.000 euros.

Ao igual que aconteceu xa o pasado ano, as axudas serán con ingreso directo na conta bancaria dos beneficiarios. As solicitudes poderán presentarse nun prazo de 15 días hábiles a contar dende a publicación das bases na web municipal (para consultar tanto as bases coma os formularios, premer no titular desta nova). Dado que a publicación terá lugar o vindeiro luns día 3,   o prazo remata o vindeiro martes 25  de setembro.

As solicitudes deben de presentarse no Rexistro Xeral do Concello, de luns a venres, cumprimentando o formulario anexo as bases e achegando outra documentación. Así, os solicitantes deben presentar fotocopia do seu DNI, da matrícula do curso escolar en curso, copia da renda familiar do exercicio 2017, ou no seu caso certificado da Axencia Tributaria de non telo e certificación bancaria da conta a nome do beneficiario da axuda ou no seu caso do titor/a legal do mesmo.

Estas axudas chegan con cargo ao orzamento municipal de 2018, no que se reservou unha partida de 20.000 euros para estas axudas. “Nos últimos anos tratamos de implementar esta partida  para dar resposta a demanda deste tipo de axudas”, explica a concelleira.

Axudas para material escolar

Por outra banda, na mesma sesión o goberno local aprobou tamén as bases que rexerán as axudas complementarias para que as familias con poucos recursos poidan completar os gastos destinados a mercar libros e material escolar, que non lle cubre o vale concedido pola Xunta de Galicia. 

As condicións e requisitos desta convocatoria tamén poden  consultarse na web municipal, coa normativa que rexerá as axudas, como os formularios que deben de cubrir as persoas interesadas que cumpran os requisitos establecidos.

 Serán beneficiarias aquelas familias que precisan de protección especial ou con todos os seus membros en situación de desemprego, con alumnos/as que cursen estudos de Primaria ou ESO.

As solicitudes poden recollerse tamén no departamento de Benestar Social, no Rexistro (ou descargarse tamén da web), e unha vez cubertas deben de presentarse no Rexistro Xeral do Concello, en horario de 09.00 a 14.00 horas de luns a venres, tamén ata o vindeiro 25 de setembro.

As persoas beneficiarias das axudas recibirán un vale coa achega necesaria que lles entregarán en Benestar Social, para canxear nas librerías do municipio de Silleda que vendan material escolar.

 

 

 

O prazo para o Servizo Lúdico Educativo abrese o luns día 6 de agosto

Silleda, 3 de agosto de 2018. A Concellería de Educación de Silleda, que dirixe Pilar Peón, abre o vindeiro luns día 6 o prazo de inscrición no Programa Lúdico Educativo de Apertura de Centros Educativos Públicos fóra do horario lectivo, para o vindeiro curso 2018-2019.

Este programa está destinado ao alumnado de Primaria, de 3 a 12 anos de idade. Os interesados/as en participar deben cubrir un formulario de inscrición e presentalo no Rexistro Municipal, en horario de 09.00 a 14.00 horas. O prazo de presentación das solicitudes remata o venres 17.

Os formularios para a inscrición están dispoñibles no Rexistro Municipal e tamén se poden descargar xa a través da web municipal (www.silleda.gal).  O número de prazas do servizo é limitado, pero a diferenza de anos anteriores e atendendo ao novo Regulamento para o servizo que se aprobou no Pleno a admisión non se rexerá só pola orde de entrada das solicitudes. Así teranse en conta novos criterios en base á situación das familias, primando a aquelas nas que os dous proxenitores estean traballando (dado que se trata dun servizo de conciliación); familias monoparentais .... e outros supostos recollidos no propio Regulamento, que tamén se pode consultar na web municipal.

 

Preinscrición nas actividades de Nadal e de Verán

Do mesmo xeito, e ao igual que se fixo o pasado ano, o formulario inclúe tamén a posibilidade de reservar xa a praza para os campamentos de Nadal e de Verán, realizando todo na mesma inscrición e evitando así aos usuarios ter que realizar máis trámites.

Na Bandeira, ao igual que nestes últimos anos,  só se ofertan os campamentos de Nadal e Verán, o Servizo Lúdico ao longo do curso non se oferta.

Coa inscrición hai que axuntar unha serie de documentación, (fotocopia do Libro de Familia, fotocopia da tarxeta sanitaria do/a menor,  declaración da Renda 2017, documentos que acrediten a situación laboral dos proxenitores…), e entre elas a autorización de domiciliación de recibos, cun formulario que tamén está dispoñible para os usuarios.

Para recibir máis información as familias interesadas poden dirixirse ao departamento municipal de Educación, chamando ao 986 592037.

****Para descargar os formularios, debe premer no titular desta nova

 

 

Medio Rural somete a información pública o deseño do trazado do viario da concentración parcelaria de Oleiros

Os planos poden consultarse nos documentos adxuntos desta nova (prema no titular)

O goberno municipal comeza a buscar financiación para a nova casa consistorial de Silleda

Silleda, 26 de xuño de 2018.  O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e o arquitecto autor do proxecto da nova casa consistorial de Silleda, Abraham Castro, presentaron hoxe o deseño do que será o futuro edificio de Silleda, nun acto público que tivo lugar na actual Casa da Cultura, onde se ubicarán as novas dependencias.

O rexedor lembrou o proceso e antecedentes desta iniciativa, unha proposta que se plantexou na campaña das municipais de 2015 “e que sempre dixemos que levariamos adiante co respaldo dos veciños”, engadiu o rexedor, ademáis de lembrar a celebración da consulta popular o 4 de xuño de 2017 , cunha ampla participatición (na que a veciñanza respaldou o cambio de sede e unificación dos servizos municipais) e o proceso para convocar un concurso de ideas entre os estudos de arquitectura silledenses (ao que se presentaron 4 propostas), Cuiña explicou a situación actual dos servizos municipais.

“Somos 16 personas traballando no consistorio actual, que data de 1870, outras 17 nas oficinas da rúa Alfonso Trabazo e 8 mais no Centro Social, en oficinas cunha serie de deficiencias”, explicou. Cuiña advirteu que o cambio se propón con obxectivos claros: accesibilidade, centralización, modernización da Administración Local, racionalización e aforro, “ e en consecuencia a mellora da calidade dos servizos para os nosos veciños e veciñas”, engadiu.

Así mesmo o rexedor explicou que o proxecto “suporá unha reforma completa de todo o entorno, tanto da praza Siñor Afranio como da rúa Morón”. Así avanzou que xa está listo o anteproxecto para concorrer a unha liña de axudas coa que se mellorará a zona de Morón e Alonso Ríos (rúa adxacente á citada praza).

Compromiso claro

Cuiña explicou que a vindeira semana solicitará reunión en distintas Administracións para cofinanciar o proxecto cun orzamento total (incluido IVE, gastos xerais…) de 1.236.761,69 euros.

“O noso compromiso sempre foi claro. Nunca nos endebedaremos máis aló desta lexislatura, non imos hipotecar a futuras corporacións, e polo tanto non se acudirá a créditos para facer esta obra”, explicou.

Cuiña considera que ademais do Concello de Silleda, “que a día de hoxe está en disposición de aportar o 33% do orzamento” deben de participar na reforma a Consellería de Vicepresidencia e Administracións Públicas e a Deputación de Pontevedra, aos que se proporá participar coa citada porcentaxe do custe.

Aínda que falar de prazos semella prematuro, Cuiña explica que posiblemente as obras –que se executarán nunha sola fase- se inicien o vindeiro ano.

Unha transformación total

Pola súa banda o arquitecto Abraham Castro encargouse de explicar aos asistentes os detalles do deseño, que quedará exposto nunha maqueta na Casa da Cultura.

Castro amosouse convencido de que o novo consistorio “suporá unha transformación total” a nivel urbanístico da vila.

Ademais da remodelación integral do edificio actual –ao que se lle dará un carácter máis institucional-, na parte traseira construirase un novo edificio (na marxe oposta á biblioteca, que desaparece desta ubicación) de dúas plantas, onde estarán distintos servizos e crearase un gran patio exterior, con zona axardinada, esculturas, fonte…

O edificio será totalmente accesible polas dúas rúas, con aseos adaptados en todas as plantas e renovará todo o sistema enerxético coa vista posta la Rede de Calor con Biomasa, unha aposta que comezará a executarse esta mesma semana coas obras da primeira fase.

No edificio actual estarán na primera planta o punto de atención ao cidadá, rexistro municipal, Policía Local e Xulgado de Paz. Na segunda estará Alcaldía, concellerías e os departamentos de Intervención, Secretaría e Oficinas Xerais. Na última pranta situarase o Salón de Plenos e Auditorio, separados por tabiques móviles e butacas reversible para adaptarse se fora necesario ambos espazos.

O novo edificio albergará na pranta baixa os despachos de servizos (fontanería, electricidade) e nunha zona máis recollida o departamento de Servizos Sociais. Tamén se ubicará aquí –na primeira planta-  Urbanismo, o Servizo de Augas, Arquivo e outros departamentos técnicos (AEDL, Consumo, Emprego e Turismo.

As fachadas dos dous edificios contarán con materiais unificados e estarán unidos por unha pasarela tamén con dotación simbólica: cun sistema de vigas de 33 pezas que representan a cada unha das parroquias silledenses. En total a intervención contará cunha superficie construída de 1.510,89 metros cadrados, e unha superficie total útil de máis de 1.020 metros cadrados.

Castro, que bautizou o proxecto como Naturalmente Noso, explicou que o deseño parte de dous conceptos : a natureza, tan presente no municipio, e o sentimento de pertenza.

 

 

 

A Romaría do Rapaz encherá de cor o recinto da Saleta o vindeiro domingo 24 de xuño

Silleda,  5 de xuño de 2018. A Romaría do Rapaz celebra a súa trinta   edición o vindeiro domingo día 24. A cita, no recinto da Saleta, en Siador, contará con actividades xa clásicas e  terá como lema A Festa das Cores. Serán un total de 36 propostas, entre espectáculos, obradoiros, actividades….

Esta festa singular e única en Galicia, onde os cativos son os protagonistas arrancará ás 11.00 horas coa apertura de obradoiros, inchables, actividades deportivas e multiaventura, que continuarán durante toda a xornada.

Entre os obradoiros figuran chapas, maquillaxe, plástico máxico, gafas molonas, obradoiro vexetal xenial , somos auga!, pasta gansa, e un de mini horta, e outro titulado “Que animal agocha a túa man” (organizado pola Anpa do CEIP de Silleda).

Os nenos poderán disfrutar este ano con outras actividades pedagóxicas como son o espazo “multixogo” –para os máis pequenos_, Animal Karts, e como novidade unha zona multiaventura infantil. Pola tarde  haberá tamén actividades relacionadas coa reciclaxe e o medio ambiente. Así, ademais da campaña informativa “Separar con xeito”, da Consellería de  Medio Ambiente, a Romaría contará este ano co obradoiro “Texido educativo”, no que os participantes convertirán calcetíns e camisetas en monicreques e bolsos, a través da Fundación Humana.

Gran tirolina de 100 metros

En canto ás actividades multiaventura a Romaría do Rapaz contará este ano cunha tirolina de grandes dimensións, con 100 metros de percorrido. Entre as novidades figuran un campo de Nerf e un circuito de carbikes. Ademais, haberá pontemono, rocódromo, bola zorbing.  

Respecto ás actividades deportivas destaca o campo de petanca, as simultáneas de xadrez, tiro con arco,  e o futbolín humano.

Animación do recinto

Durante toda a xornada celebraranse actividades musicais e de animación do recinto. Cabezudos con personaxes de Disney, a música da Requinta da Laxeira e o espectáculo itinerante de A Corva (con Cris Collazo)  desfilarán polo entorno ao longo da xornada.

No apartado de inchables a romaría contará este ano con 4 espazos: o toro mecánico; o pirata; rei león e o tobogán saltarín.  

Ademais, haberá unha caseta de información aberta durante toda a xornada na que se poderán mercar pulseras localizadoras, e camisetas conmemorativas deste certame. Todo o recadado destinarase ao programa municipal Silleda Solidaria.

Títeres, clown e fin de festa con Saabor!!

Pola tarde, terá tamén lugar o espectáculo “Romance de cans”, de O Cego dos Monifates, incluido no programa do Ano da Língua,  e baseado no conto “Can branco, can negro” de María Victoria Moreno. A cita está prevista para as 16:30 horas .

Unha hora despois, ás 17:30, chega “Bambolina”, a historia dos paiasos Lela e Lolo da man de Barafunda Teatro, que farán rir a toda a familia.

Non faltará nesta edición un dos clásicos da Romaría como é o desfile de moda con traxes realizados a partir de material de refugallo. Esta actividade está organizada polo Servizo Lúdico Educativo do Concello de Silleda. O prazo para participar remata mañá mércores. Esta actividade está dirixida a nenos e nenas de 4 a 12 anos.

Nos vindeiros días comezarán os obradoiros de preparación nos que os nenos e nenas realizan as súas creación para o desfile, que terá lugar a partir das 19:30 horas no anfiteatro da Saleta. Xunto antes haberá unha exhibición da escola deportiva de Zumba Kids.

A Romaría do Rapaz rematará co espectáculo Saabor!,  cos actores Fran Rei e Félix Rodríguez, un espectáculo cómico que mestura música, maxia, humor, ritmo e participación do público co mundo da gastronomía de fondo

Dende a Concellería  de Cultura, Ana Luisa González,  agradece a participación a todos os que colaboran con “esta festa única, que  de seguro volverá a encher de ilusión a moitos nenos e nenas e que neste ano soplará nada menos que 30 velas”, engade Ana Luisa González.

Dende o Concello tamén se fai un chamamento á colaboración dos asistentes á hora de aparcar (lémbrase que hai aparcamentos de balde no entorno do recinto) e respetar a sinalización en canto a circulación do tráfico na zona.

O recinto volverá a contar con servizo de pulpeiro e bar. Haberá mesas e sillas a disposición das persoas e grupos que queiran xantar na carballeira do recinto durante a xornada.

 

 

 

 

 

 

 

 

 Ir á páxina seguinte Ir á última páxina